A Aula AMTIC achega tres novos cursos para a rapazada centrados nas artes dixitais

luns, 15 de xuño do 2026 S. P.

A Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación, a Aula AMTIC, organiza para estes meses de xuño e xullo tres novos cursos para público infantil e xuvenil arredor das artes dixitais. Para poder participar é preciso enviar cuberto este formulario de inscrición a informatica.milladoiro@gmail.com. Tamén se poderán facer inscricións no número de teléfono 698 172 347.
O programa comezará os vindeiros 25 e 26 de xuño co curso de debuxo dixital con PixelArt, dirixido a cativos e cativas de entre 6 e 9 anos. Neste curso, que se desenvolverá en horario de 17.30 a 18.30 horas, as persoas asistentes recibirán unha formación nesta plataforma de arte dixital e aprenderan a crear personaxes, escenarios e demais figuras.
Tamén para rapaces e rapazas de entre 6 e 9 anos está dirixido o curso de debuxo dixital e animación 2D con PixelArt. Os luns e os mércores do mes de xullo, entre as 11.00 e as 12.00 horas, os nenos e nenas aprenderán a crear personaxes e darlles vida con pequenas animacións, seguindo a súa formación na plataforma PixelArt e en todas as posibilidades creativas que achega.
O último dos cursos está orientado para un público algo maior, en idades entre os 10 e os 15 anos. Esta formación xirará arredor da creación de videoxogos e Game Design, onde as persoas participantes aprenderán a deseñar os seus propios videoxogos e todos os elementos que os compoñen: personaxes, mecánicas, niveis e xogos interactivos. A formación impartirase os martes e xoves do mes de xullo en horario de 11.00 a 12.30 horas.
Todos estes cursos son gratuítos. Para poder participar, será preciso enviar cuberto este formulario de inscrición ao enderezo de correo electrónico informatica.milladoiro@gmail.com. Tamén se poderán facer inscricións no número de teléfono 698 172 347 en horario de 9.00 a 14.00, os luns, e de 10.00 a 12.30 horas e de 16.00 a 20.00 horas, os mércores, xoves e venres.